O 1 de outubro de 2022, levouse a cabo unha xornada de voluntariado organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, na que se contou coa colaboración do Grupo de cooperación e voluntariado social do Concello de Bergondo, da Asociación Clube de Remo Olímpico do Mandeo en Bergondo e do Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) en Bergondo.
Os traballos desenvolvidos tiveron lugar na praia do Pedrido (Bergondo), dentro da Zona de Especial Protección Betanzos-Mandeo (ES1110007) da Rede Natura 2000, e consistiron na recollida e retirada da planta exótica invasora Arctotheca calendula así como na limpeza de refugallos plásticos do areal.
As 33 persoas voluntarias participantes estiveron apoiadas e asesoradas en todo momento por técnicos da Reserva de Biosfera e persoal especialista en eliminación de flora invasora da empresa Ribeirán Proxectos Naturais.
Ao longo das 4 horas de duración da xornada, as voluntarias e voluntarios retiraron un total de 23 kg de residuos plásticos e 90 kg de material vexetal da especie exótica invasora Arctotheca calendula, o cal foi trasladado a un xestor de residuos autorizado.