O domingo 6 de xuño de 2021, como actividade enmarcada na celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo levou a cabo unha xornada de voluntariado ambiental dentro do proxecto LIFE FLUVIAL, coa colaboración da Asociación Nacional GN Medio Ambiente. A xornada tivo lugar no Monte Veciñal en Man Común Monte das Moas, na parroquia de Mántaras (Irixoa), contando coa implicación dos socios propietarios dos terreos.
No ano 2019, a Comunidade de Montes en Man Común de San Antón, co apoio das axudas Leader, transformou unha superficie de 3,8 hectáreas, ocupadas anteriormente na súa práctica totalidade por eucalipto, coa plantación de especies frondosas como carballo, bidueiro, sobreira, castiñeiro, nogueira e cerdeira. Esta transformación constitúe un exemplo demostrativo das aptitudes produtivas do monte realizadas dun xeito sostible, en contraposición á cotiá implantación de especies forestais exóticas de crecemento rápido.
A xornada, coa óptica da sensibilización e concienciación ambiental sobre o emprego de especies arbóreas autóctonas, tivo como obxectivo o control de rebrotes de eucalipto de semente, recorrentes en áreas nas que a presenza de dita especie resulta habitual. Ao mesmo tempo, os voluntarios contribuíron á recollida de refugallos nas inmediacións.
As actividades iniciáronse cunha breve introdución sobre a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e o proxecto LIFE Fluvial. Nesta charla participou a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, socia do proxecto, contando ademais coa participación do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).
A continuación, baixo a supervisión de monitores especializados e coas indicacións dos veciños da zona, un nutrido grupo de máis de 50 voluntarios foi distribuído pola superficie de actuación para acometer os traballos programados.
Á finalización da xornada, contabilizouse o arrinque de máis de 500 gromos de eucalipto de semente así como a recollida de arredor de 100 kg de refugallos de plástico, vidro e chatarra, os cales foron debidamente retirados e depositados nos contedores correspondentes.