O 14 de maio de 2021, levouse a cabo unha xornada de voluntariado do proxecto LIFE Fluvial organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, na que se contou coa colaboración do centro escolar «CEIP Sada y sus Contornos» a través de dúas das súas clases de 6º de Educación Primaria.
Os traballos desenvolvidos tiveron lugar na praia do Pedrido (Bergondo), dentro da Zona de Especial Protección Betanzos-Mandeo (ES1110007) da Rede Natura 2000, e consistiron na recollida de residuos plásticos do areal así como na retirada da planta exótica invasora Arctotheca calendula.
Os escolares estiveron apoiados e asesorados en todo momento por profesorado do centro, técnicos da Reserva de Biosfera e persoal especialista en eliminación de flora invasora da empresa Ribeirán Proxectos Naturais.
Ao longo das 3 horas de duración da xornada, os escolares retiraron un total de 30 kg de residuos plásticos e 120 kg de material vexetal da especie exótica invasora Arctotheca calendula, o cal foi trasladado por parte da empresa TRAGSA, socia de LIFE Fluvial, a un xestor de residuos autorizado.