O día 23 de outubro de 2021 desenvolveuse unha xornada de voluntariado ambiental do proxecto LIFE Fluvial organizada pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
As actuacións centráronse na concienciación do perigo medioambiental que supoñen os micro-refugallos (en especial os microplásticos), ademais de efectuar o recoñecemento de varias especies de flora exótica invasora presente na área de actuación. O emprazamento elixido foi a praia de Arnela (concello de Sada), ao tratarse dun entorno de difícil acceso e a onde o servizos de limpeza mecanizados non chegan.
Como entidades colaboradoras nas actividades cómpre destacar ao departamento de medio ambiente do Concello de Sada, á empresa Ribeirán Proxectos Naturais e á ONG Cooperación Internacional, cun total de 10 voluntarios.
Á finalización dos traballos sobre unha superficie neta aproximada de 7.800 m2, retiráronse 13 kg de micro-refugallos, que foron clasificados e cuantificados seguindo o protocolo MARNOBA, implementado pola Asociación Vertidos Cero e desenvolvida co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, sendo incorporados os datos da xornada á aplicación colaborativa creada ao efecto.