O 24 de maio de 2022, grazas á colaboración entre o Programa “Educando na Biosfera” e o proxecto LIFE Fluvial, levouse a cabo unha xornada de voluntariado ambiental co concurso de 20 alumnos de 4º da ESO do CPI Cruz do Sar, de Bergondo.
Os traballos desenvolvidos tiveron lugar na praia de A Cabana (Bergondo), dentro da Zona de Especial Protección Betanzos-Mandeo (ES1110007) da Rede Natura 2000, e consistiron na recollida de microplásticos e residuos do areal.
Os escolares estiveron apoiados e asesorados en todo momento por profesorado do centro, técnicos da Reserva de Biosfera e persoal especialista en xestión ambiental da empresa Ribeirán Proxectos Naturais.
Ao longo da xornada, os participantes lograron retirar máis de 130 kg de residuos, fundamentalmente cordames e outros materiais procedentes de acuicultura, así como, en menor medida, plásticos de pequenas dimensións, envases, latas de bebida, pezas de vidro e ata un bidón metálico. Para o traslado dos restos a xestor de residuos contouse coa colaboración do Concello de Bergondo.