Con data do 5 de decembro de 2022, dende LIFE Fluvial, da man de Mariñas Coruñesas e o IBADER, desenvolveuse un seminario especializado dirixido aos alumnos do Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural do CFEA Pedro Murias, emprazado en Ribadeo.
O seminario, celebrado no salón de actos do CFEA, contou coa asistencia dun total de 15 persoas entre profesorado e alumnado do centro.
O primeiro relatorio, a cargo de Javier Ferreiro, do IBADER, estivo centrado na mellora e xestión sostible dos corredores fluviais como estratexia para frear a perda de biodiversidade. Dada a orientación formativa e de futuro laboral dos asistentes, a temática sobre a que se fixo maior inciso foi a referida ás actuacións de conservación levadas a cabo por LIFE Fluvial.
A continuación, Miguel Fernández, Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, fixo un repaso das actividades de divulgación e sensibilización efectuadas por Life Fluvial, percibíndose gran interese pola vinculación das Reservas de Biosfera con este tipo de proxectos.
Os asistentes tamén tiveron ocasión de visionar o audiovisual do proxecto, sendo finalmente obsequiados con material divulgativo de Life Fluvial.