O IBADER da Universidade de Santiago de Compostela, na súa condición de beneficiario asociado de LIFE FLUVIAL, e coordinador das accións de conservación do proxecto en Galicia, formulou unha xornada de transferencia de resultados do proxecto na A Lagoa do Rei (Rábade, Lugo), localidade onde se executou a acción concreta de conservación C7, dentro da ZEC Parga-Ladra-Támoga (ES1120003). Para iso, contouse coa presenza de membros do Servizo de Patrimonio Natural de Lugo (Xunta de Galicia), como entidade xestora da ZEC, e coa dirección do Centro de Ensino Santo Anxo, como entidade que realiza a xestión e o mantemento dos predios onde se sitúa a lagoa.
A xornada serviu para difundir, de primeira man, os resultados alcanzados e as leccións aprendidas polo proxecto LIFE FLUVIAL nesta localidade. Deste modo, realizouse un repaso a esta singular actuación, que permitiu unha mellora do estado de conservación en 2 hectáreas dos ecosistemas naturais na Lagoa do Rei: eliminación de especies exóticas e invasoras (incluíndo, entre outras, a eliminación de máis de 250 individuos de chopo americano, Populus x canadensis, de grandes dimensións), corrección topográfica do bordo lacunar para favorecer ecotóns máis amplos entre medios acuáticos e terrestres, restauración do bosque húmido mediante a plantación das súas especies autóctonas características.
A visita tamén permitiu avaliar as medidas de adecuación do uso público no ámbito da Lagoa do Rei: reparación e mellora da accesibilidade dos equipamentos divulgativos, reforzo do illamento e protección da lagoa fronte aos visitantes, instalación dun dispositivo disuasorio para vehículos que soamente permite o acceso peonil ao observatorio.
A xornada puxo de manifesto a idoneidade das medidas de conservación executadas, a mellora da naturalidade da lagoa e o seu ámbito inmediato, e a xeración de condicións ideais para a recuperación do estado de conservación dos hábitats naturais de interese comunitario. Tamén resultou de grande interese para o Servizo de Patrimonio Natural de Lugo e o Centro de Ensino Santo Anxo, como entidades que xestionan a ZEC e os terreos onde se sitúa a lagoa, que recibiron con gran satisfacción as medidas de mellora do uso público, as cales xerarán unha importante sinerxía coa restauración executada, así como coas actividades de seguimento, educación ambiental e mantemento que levan a cabo ambas as dúas entidades nesta localidade.