Progreso das actuacións nos enclaves do río Miño

A acción C6 de LIFE FLUVIAL pretende a mellora do estado de conservación do hábitat 91E0* en 3 enclaves do corredor fluvial do río Miño (ZEC Parga-Ladra-Támoga ES1120003) nos municipios de Lugo, Rábade e Guitiriz: Río Miño-Lugo, Río Miño-Rábade e Río Parga.

O enclave Río Miño-Lugo foi obxecto de retirada de ameneiros afectados pola síndrome do decaemento, así como a eliminación de especies invasoras (Robinia pseudoacacia), na marxe esquerda da canle. Todas as operacións foron desenvolvidas con medios manuais, aínda que a retirada da madeira foi posible mecanizala cun autocargador, posto que este puido operar dende a vía peonil adxacente que se atopa pavimentada.

No enclave Río Miño-Rábade actuouse na marxe dereita da canle. A actuación completou as tarefas iniciadas no ano 2018, de forma que se retiraron ameneiros afectados pola síndrome do decaemento, e eliminaron pés de grandes dimensións de especies invasoras (Populus x canadensis). A operación empregou medios manuais e ferramentas portátiles, se ben a retirada da madeira xerada foi realizada con autocargador, xa que este puido operar dende os prados de sega contiguos o corredor fluvial.

O enclave río Parga (afluente do Miño) nas inmediacións da Ermida de Santo Alberte (Guitiriz), foi obxecto de actuación en ambas as dúas marxes da canle. Fundamentalmente retiráronse ameneiros afectados pola síndrome do decaemento, que xeraron unha grande cantidade de madeira. Nesta operación non puideron empregarse medios mecanizados pesados, debido ao elevado valor de conservación deste tramo fluvial, así como á inexistencia de vías ou camiños que permitan o emprego de maquinaria pesada. Deste modo, foi necesario transportar a madeira a flote durante a época de augas baixas, o que permitiu que os operarios puideran cablear e manipular dende a propia canle as toradas de forma segura e controlada, evitando impactos sobre o medio acuático nin sobre as ribeiras. Naquelas zonas onde existen pequenos sendeiros, empregouse un pequeno mini-dumper (chimpín) para transportar as toradas ata o seu lugar de abasto. Finalmente, nas proximidades dun pequeno núcleo rural ribeirán, eliminaron varios pés de especies invasoras leñosas (Eucalyptus spp.).

Nos 3 tramos fluviais, as actuacións de eliminación de presións e ameazas foron completadas coa restauración do hábitat 91E0* mediante repoboación coas súas especies características.

A madeira xerada foi doada con fins sociais aos veciños das proximidades. Isto motiva que o proxecto se atope fortemente apoiado e participado por axentes locais, como os entes municipais, a Deputación de Lugo, entidades ambientalistas e os propios colectivos veciñais.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies