A edición de 2021 é xa a terceira ocasión en que Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo participa con stand propio na Open Science e a segunda vez na que o proxecto LIFE Fluvial é principal protagonista do mesmo.
Open Science é un espazo onde os investigadores mozos e adultos amosan as súas experiencias ao público. Saen das súas escolas, universidades, museos ou centros de investigación para expoñer os seus traballos en lugares comúns.
A participación da Reserva de Biosfera centrouse na divulgación dos espazos Rede Natura 2000 do seu territorio así como no desenvolvemento dun xogo de preguntas e respostas dirixido ao público máis novo. As temáticas tratadas foron “A auga e os corredores fluviais”, “Natureza e os corredores fluviais” e “A túa Reserva de Biosfera”.
De maneira paralela leváronse a cabo dous talleres de estampación téxtil con motivos de árbores autóctonas de ribeira. Ditos talleres complementáronse con charlas explicativas sobre a importancia da conservación destas especies. A concorrencia e participación durante os dous días que durou a feira (18 e 19 de setembro) foi moi relevante.
Como colofón, a Reserva colaborou na entrega final de premios aportando unha viaxe en catamarán eléctrico para 5 persoas pola Ría de Betanzos.