O proxecto LIFE FLUVIAL chega a todas as rapazas e rapaces de Galicia

O proxecto LIFE FLUVIAL alcanzou un novo fito no que a educación ambiental e organización de talleres escolares se refire. O pasado 31 de xullo, a Televisión de Galicia emitía no seu programa “Xabarín Mañá” un novo capítulo da terceira tempada de “Braulio Tuber”, o cal estaba dedicado á conservación dos ríos, contando coa participación de LIFE FLUVIAL, como proxecto referente na actualidade no que a conservación dos corredores fluviais no NW da Península Ibérica se refire.

Os contidos do capítulo foron gravados con motivo do taller escolar que o IBADER do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, e a ADR Mariñas-Betanzos (ambos os dous beneficiarios asociados de LIFE FLUVIAL), celebraban con motivo da acción E2 a finais de 2019 no CEIP Terra Chá (Vilalba, Lugo), situado na área de influencia socioeconómica da ZEC Parga-Ladra-Támoga (ES1120003), un dos espazos Natura 2000 que recibe accións concretas de conservación de LIFE FLUVIAL.

O devandito taller escolar tiña como obxectivo ensinar, concienciar e divertir aos escolares acerca da importancia dos corredores fluviais para a conservación da biodiversidade e a mellora do benestar da poboación. E como ferramenta ideal para divulgar e levar a mensaxe aos máis pequenos, pensouse en continuar co labor iniciado en LIFE FLUVIAL co desenvolvemento do número de Os Bolechas “Van polo río”. Os Bolechas, de Edicións Bolanda, son a maior revelación editorial de Galicia dende o ano 2000, converténdose nun fenómeno cultural que deu o salto a múltiples formatos solicitando un éxito sen precedentes. A súa última iniciativa denomínase “Braulio Tuber”: Braulio, un dos seus personaxes, visita colexios de distintas vilas de Galicia abordando diferentes aspectos formativos, preguntando aos escolares acerca de medio ambiente, cultura, tradición, etc., baixo un actual formato baseado en redes sociais. Braulio Tuber alcanzou unha grande popularidade entre os máis pequenos, e na actualidade vai pola súa terceira tempada.

Deste modo, a celebración do taller escolar era coordinada coa gravación dun novo capítulo de “Braulio Tuber” xunto a Edicións Bolanda no CEIP Terra Chá (Vilalba, Lugo), contando cun equipo de gravación da Televisión de Galicia. O taller contaba coa participación dun total de 19 alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria. Todos os alumnos recibiron un paquete cos materiais formativos-divulgativos de LIFE FLUVIAL, demostrando ser uns perfectos coñecedores da importancia que os corredores fluviais posúen na nosa vida cotiá, e a necesidade da súa conservación e uso sostible. Finalmente, presentábase brevemente o proxecto LIFE FLUVIAL a toda a audiencia infantil do espazo “Xabarín Mañá”, facendo fincapé nos valores albergados por estes ecosistemas, as súas principais fontes de ameaza, así como a estratexia de conservación e difusión do proxecto. Xabarín Mañá revelouse como unha ferramenta privilexiada para facer promoción do idioma galego a todas as nenas e nenos, cifrándose nunha audiencia potencial de máis de 200.000 rapazas e rapaces.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies