No marco da acción LIFE FLUVIAL E4, entre os días 26 e 29 de maio, o beneficiario asociado IBADER realizou visitas técnicas a 4 proxectos LIFE que se executan en Irlanda, e que están coordinados polo National Parks and Wildlife Service (NPWS) do Department of Housing, Local Government and Heritage (DHLGH). Estas visitas facilitaron a promoción e intercambio de boas prácticas e experiencias, así como o traballo colaborativo entre os proxectos e as institucións implicadas, promovendo a replicabilidade e transferibilidade dos resultados de LIFE FLUVIAL.
- O intercambio con técnicos do NPWS do proxecto LIFE13 NAT/IE/000144 “LIFE KERRY” (proxecto que xa prestara o seu apoio á candidatura LIFE FLUVIAL), enmarcado na xestión fluvial para a conservación dos hábitats naturais, deu conclusións moi positivas, posto que se identificaron moitos puntos comúns entre os resultados de ambos os dous proxectos, destacando a necesidade de eliminar as ameazas que penden sobre os corredores fluviais.
- A intensificación dos usos agrícolas, gandeiros e forestais que se produciu durante o século XX foi o punto de referencia común con LIFE18 NAT/IE/000090 “LIFE Atlantic Crex”, co que se visitaron as actuacións específicas de conservación. Deste xeito, púxose de manifesto a importancia de levar a cabo actuacións que devolvan a naturalidade aos ecosistemas naturais da Rede Natura 2000 e que melloren o estado de conservación dos seus compoñentes fundamentais.
- A visita a LIFE18 IPE/IE/000002 “LIFE IP PAF-WILD ATLANTIC NATURE”, un proxecto integrado para a conservación de turbeiras de cobertor na Rede Natura 2000 de Irlanda, resultou de grande interese xa que os membros do IBADER puideron asistir á visita anual de seguimento e visitar as localizacións do proxecto, así como intercambiar co resto de socios implicados no proxecto: Department of Agriculture, Food and Marine (DAFM); Bord na Móna; Teagasc; Failté Ireland; Raidio Teilifis Eireann (RTÉ); Northern & Western Regional Assembly (NWRA); Coillte Nature. A realización desta visita revelou a necesidade de levar a cabo estratexias de restauración globais, non só actuando sobre os ecosistemas, senón incluindo a todos os axentes implicados, aspecto que coincide plenamente coa estratexia que leva a cabo LIFE FLUVIAL.
- Acompañando aos técnicos de NPWS e Coillte Nature, visitáronse os lugares de actuación en Irlanda de LIFE20 NAT/ES/001007 “LIFE INSULAR”. Este proxecto, ao igual que LIFE FLUVIAL, é un proxecto transnacional, e unha das súas principais estratexias é a eliminación de antigas plantacións forestais (algunhas con especies invasoras) para aumentar a superficie ocupada polos hábitats prioritarios. Os aspectos relacionados coa planificación previa e avaliación ex_ante, así como unha correcta execución dos traballos de conservación para evitar afectar a ecosistemas fráxiles, foron varios dos aspectos comúns entre ambos os dous proxectos.
En definitiva, estas visitas supuxeron un paso importante para LIFE FLUVIAL no establecemento de novos contactos e redes, incorporando as conclusións de 4 proxectos LIFE realizados en Irlanda, así como as experiencias das organizacións europeas competentes para a xestión e conservación da Rede Natura 2000, e o coñecemento de institucións e investigadores europeos relacionados con esta materia.