O sábado 29 de febreiro, o proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771) organizou unha xornada de voluntariado ambiental en colaboración co proxecto LIFE Evergreen with volunteer, LIFE LEWO (LIFE16 ESC/ES/001), coordinado dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (DXXPV) da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN) da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Para o desenvolvemento das actuacións contouse coa dirección técnica do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da Universidade de Santiago de Compostela e co apoio de persoal técnico de EMALCSA e da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos como órgano xestor da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
O enclave escollido para os traballos foi a ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004), concretamente en dúas áreas das parroquias de Crendes (concello de Abegondo) e Bribes (concello de Cambre), pertencentes ámbalas dúas a terreos públicos propiedade do Concello de A Coruña e xestionados pola empresa pública EMALCSA.
A nivel institucional, a xornada contou coa presenza da xefa territorial da Consellería de Política Social en A Coruña, da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social ou a concelleira de Formación, Emprego, Educación, Turismo e Seguriadade Cidadá do Concello de Abegondo.
Ao inicio da xornada, dende o IBADER ofreceuse unha breve charla explicativa sobre o LIFE FLUVIAL, a ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre así como dos perigos que representan as especies exóticas invasoras especialmente nestes espazos de elevado valor medioambiental.
A continuación iniciáronse os labores de control de Conyza canadensis, especie de sinxelo arrinque manual de raíz, nos emprazamentos seleccionados. Nunha primeira fase, acometeuse o control nas inmediacións do observatorio de aves de Crendes, traballándose nunha superficie total de arredor de 1.000 m2.
Con posterioridade, voluntarios e técnicos desprazáronse á parroquia de Bribes (concello de Cambre) para continuar cos traballos de control da mesma especie invasora. Neste caso, por mor da climatoloxía e do horario dispoñible, soamente se puido execer o labor de control nuns 450 m2, arredor do 20% da superficie afectada por Conyza canadensis.
A xornada finalizou cunha explicación por parte de EMALCSA sobre o encoro de Abegondo-Cecebre e o papel que representa a preservación do medio ambiente na calidade da auga de consumo destinada á cidade da Coruña e parte da súa área metropolitana.