O sábado 5 de xuño de 2021, como actividade de celebración do Día Mundial do Medio Ambiente e do Día da Rede Natura 2000, desenvolveuse unha xornada de voluntariado máis do proxecto LIFE FLUVIAL, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. Nesta ocasión, contouse coa participación dunha representación do departamento de «Zara Loxística» (Inditex), e coa implicación da empresa «Valora Consultores».
A xornada iniciouse na Aula da Natureza de Crendes (Abegondo). Os participantes, ademais de ter ocasión de visitar as súas exposicións guiados pola técnico de medio ambiente do Concello de Abegondo, recibiron unhas breves nocións sobre a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, o proxecto LIFE Fluvial, a Rede Natura 2000, a ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004) e o papel do encoro no abastecemento de auga de consumo á cidade da Coruña e a parte da súa área metropolitana. Nesta charlas participaron os socios de LIFE Fluvial, Asociación Mariñas-Betanzos, IBADER (USC) e EMALCSA.
A continuación, baixo a supervisión de monitores especializados e de técnicos de LIFE Fluvial, o grupo de 23 voluntarios foi distribuído por diferentes enclaves do perímetro do encoro, coa encomenda da retirada de especies exóticas invasoras así como da recollida de lixo e refugallos. De maneira paralela, un pequeno grupo de rapaces de corta idade, que acompañaban aos voluntarios, realizaron unha ruta polas inmediacións do encoro, con explicacións sobre os seus principais valores naturais.
Á finalización da xornada, contabilizouse a retirada de 3 bigbag de falsa acacia (Robinia pseudoacacia), 1 bigbag de mimosa (Acacia dealbata) e 1 bigbag de lixo, fundamentalmente vidro. A totalidade do material recollido foi trasladado pola empresa TRAGSA, socia de LIFE Fluvial, a un xestor de residuos autorizado.