Tralo desenvolvemento o 21 de outubro de 2021 do I Seminario Técnico no CFEA para alumnos e alumnas do 2º curso do Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural e do 2º curso do Ciclo Medio de Aproveitamentos e Conservación do Medio Natural, neste II Seminario, levado a cabo con data de 10 de novembro de 2021, os relatorios estaban dirixidos ao 1º curso do Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural, cun total de 20 alumnos e alumnas asistentes, ademais do profesorado do centro.
Unha vez proxectado o audiovisual do proxecto a modo de introdución, Javier Ferreiro, do IBADER, presentou un relatorio sobre a mellora e xestión sostible dos corredores fluviais como estratexia para frear a perda de biodiversidade.
A continuación, Miguel Fernández, da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, fixo un repaso das actuacións de divulgación e sensibilización efectuadas por LIFE Fluvial ata o momento. Dentro de ditas actividades, prestouse especial atención ás xornadas de voluntariado ambiental desenvolvidas, as cales foron seguidas con moito interese polos asistentes, tanto con respecto á súa metodoloxía como dos requisitos a nivel de solicitude de permisos a solicitar.
Ao final do seminario, os asistentes foron obsequiados con material divulgativo de LIFE Fluvial.
Para finalizar a xornada, realizouse unha visita aos viveiros de produción forestal nas instalacións do CFEA, acompañados pola docente Mª del Carmen Alfonso Leiro, brindándose futuras oportunidades de colaboración dende o centro para actividades vinculadas á conservación do medio natural.