Finalización das actuacións na Lagoa do Rei (Rábade, Lugo, Galicia)

Durante o ano 2019 a acción C7 de LIFE FLUVIAL, que ten lugar na Lagoa do Rei (ZEC Parga-Ladra-Támoga ES1120003), quedou practicamente finalizada. Tras a execución da primeira fase desta en 2018, durante o ano 2019 contemplouse a finalización dos traballos previstos.

Deste modo, procedeuse a adecuar e mellorar a accesibilidade dos equipamentos divulgativos no ámbito da lagoa, mellorando a súa función e permitindo os labores de educación e sensibilización ambiental dun modo máis racional.

Durante os últimos meses do verán, procedeuse á corrección topográfica do bordo lacunar, suavizando a pendente co fin de favorecer un medio ecotónico máis amplo entre medios acuáticos e terrestres, e polo tanto o mantemento do seu asolagamento durante un maior período de tempo, evitando que en verán se produza unha estiaxe demasiado acelerada nesa zona. Isto redundará nunha unha mellor recuperación do hábitat 91E0*.

O material xerado durante esta acción empregouse para reforzar a mouta que separa o medio lacunar do camiño interpretativo que rodea ao complexo húmido, de forma que a actuación reforzou o illamento da lagoa das perturbacións externas.

A actuación finalizou coa restauración da cuberta vexetal do hábitat 91E0*, mediante a plantación das súas especies características (Salix atrocinerea, Fraxinus excelsior), mellorando o seu estado de conservación e incrementando a súa conectividade co resto de hábitats.

A actuación, baseada en accións de baixa intensidade, é modélica e exemplar, en canto á adecuación das obras á fraxilidade do medio lacunar, que respectan o ámbito e non causan afeccións significativas sobre os compoñentes clave do ecosistema.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies