Entre o 2 e o 5 de setembro de 2019, o IBADER do Campus Terra da USC organizou o Curso de Verán “O PATRIMONIO NATURAL E A BIODIVERSIDADE NAS RESERVAS DE BIOSFERA“. Ao acto inaugural acudiu Ana González Abelleira, en representación da Deputación de Lugo, Montserrat Valcárcel en calidade de Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Pablo Ramil Rego como Director do IBADER. Os obxectivos do curso son coñecer directamente o patrimonio natural das Reservas da Biosfera, tomar conciencia da importancia e servizos ecosistémicos destes espazos en relación coa biodiversidade, a paisaxe e a calidade de vida, e coñecer os planeamentos, as tendencias e posicionamentos en torno a estes espazos.
O curso contou con 23 matriculados, e constou de 4 xornadas nas que participaron un total de 5 poñentes que achegaron aos alumnos as novas tendencias e obxectivos nas Reservas de Biosfera. Con motivo das saidas de campo, visitáronse diversos Espazos Natura 2000 que conforman a zona núcleo das Reservas de Biosfera, e nos cales se levan desenvolvendo nos últimos anos diversas accións de conservación no marco de proxectos LIFE, encamiñados á mellora do estado de conservación dos tipos de hábitat de interese comunitario.
No caso da visita á Reserva do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, visitouse a ZEC Río Eo (ES1120002), e en concreto unha das zonas de actuación nas que LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771) está a traballar activamente na actualidade, dentro do territorio municipal de A Pontenova (Lugo). Deste xeito, os alumnos puideron coñecer de primeira man as estratexias de conservación e restauración dos corredores fluviales que LIFE FLUVIAL está a desenvolver no territorio.