Corredores fluviais

A Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, insta aos estados membros da UE a fomentar a xestión dos elementos da paisaxe que revistan primordial importancia para a fauna e a flora silvestres. Trátase de aqueles elementos que, pola súa estrutura lineal e continua (como os ríos coas súas correspondentes ribeiras ou os sistemas tradicionais de deslinde dos campos), ou polo seu papel de puntos de enlace (como as charcas ou as ribeiras) resultan esenciais para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético das especies silvestres.

Na lexislación española, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade. BOE 299, 14/12/2007 (Modificada pola Lei 33/2015. BOE 227, 22/11/2015) define corredor ecolóxico como: “o territorio, de extensión e configuración variables, que, debido á súa disposición e ao seu estado de conservación, conecta funcionalmente espazos naturais de singular relevancia para a flora ou a fauna silvestres, separados entre si, permitindo, entre outros procesos ecolóxicos, o intercambio xenético entre poboacións de especies silvestres ou a migración de espécimes desas especies” (Lei 42/2007. Art. 3).

De xeito semellante, a lexislación portuguesa, contempla o concepto de “áreas de continuidade”, no Artigo 5º do ” Regime Jurídico da Conservação da Natureza e da Biodiversidade” DL nº 142/2008, de 24/07 (modificado por Rect. n.º 53-A/2008, de 22/09, DL n.º 242/2015, e DL n.º 42-A/2016, de 12/08). En concreto, estas áreas de continuidade, entre as que se contempla o Dominio Publico Hídrico, serían as que “estabelecem ou salvaguardam a ligação e o intercâmbio genético de populações de espécies selvagens entre as diferentes áreas nucleares de conservação, contribuindo para uma adequada proteção dos recursos naturais e para a promoção da continuidade espacial, da coerência ecológica das áreas classificadas e da conectividade das componentes da biodiversidade em todo o território, bem como para uma adequada integração e desenvolvimento das atividades humanas“.

A preservación da conectividade e a integridade ecolóxica da rede de espazos naturais Natura 2000 constitúe un requisito legal imposto pola Directiva Hábitats e pola propia Lei 42/2007. Tendo en conta en ambos os dous casos a importancia dos corredores ecolóxicos como elementos de unión entre os espazos de alto valor ambiental, as consideradas como zonas núcleo de biodiversidade, representados estes últimos polas áreas protexidas, así como polas áreas que, sen ser designadas legalmente baixo unha figura de protección, manteñen unha elevada biodiversidade.

Dos distintos tipos de corredores ecolóxicos que poden recoñecerse no NW Ibérico (montañosos, fluviais, litorais e mariños), son os corredores fluviais os que de forma máis efectiva favorecen o refuxio, movemento e dispersión dun grande número de especies silvestres, pertencentes a distintos grupos taxonómicos e a distintos tipos de ambientes (terrestres, semiterrestres, acuáticos), servindo ademais de conexión efectiva entre os corredores montanos e as zonas núcleo de biodiversidade, coas establecidas no espazo litoral e mariño.

O concepto de corredor fluvial vai aparellado ao propio concepto de río, que representa moito máis que unha simple masa de auga que circula por unha canle. O corredor fluvial abrangue o conxunto do territorio fluvial, é dicir, o río na súa canle de estiaxe, a vexetación de ribeira e o espazo que ocupan as augas durante as enchentes, xunto coa cuberta vexetal asociada.

 

 

Os corredores fluviais, ademais do seu valor ecolóxico intrínseco, cumpren dúas funcións fundamentais, como conectores ecolóxicos e como reguladores hidrolóxicos.

Respecto ao valor ecolóxico, os corredores fluviais albergan ecosistemas asociados ao río tanto acuáticos como terrestres e de interface entre ambos os dous, configurando un espazo de elevada biodiversidade que funciona como refuxio para moitas especies vinculadas ao ámbito fluvial. Este valor ecolóxico propiciou a declaración de numerosos Espazos Naturais Protexidos, en especial dentro da Rede Natura 2000, atendendo aos hábitats e especies de interese comunitario presentes neles.

Este valor ecolóxico singular increméntase pola función fundamental de conectores ecolóxicos entre ecosistemas acuáticos e terrestres e entre zonas de alto valor ambiental territorialmente afastadas. Esta función reviste unha especial importancia xa que os ecosistemas terrestres se atopan moi fragmentados por infraestruturas e diversos usos do solo. Neste contexto, os corredores fluviais representan os conectores máis válidos, ou polo menos os máis funcionais, para interconectar poboacións de seres vivos que doutro xeito quedarían illadas.

Finalmente, no seu papel de reguladores hidrolóxicos actúan como laminadores do caudal e das cargas de sedimento que arrastra o río en períodos de enchente, disipando parte da súa enerxía, reducindo os danos asociados e recargando os acuíferos. Deste xeito, o rio transporta tanto sedimentos ata as praias como nutrientes aos esteiros e augas costeiras, cos conseguintes beneficios ecolóxicos e económicos asociados.

Un corredor fluvial inclúe distintos medios ecolóxicos. Por unha parte, atópanse os medios de augas libres e correntes, que conforman o curso fluvial; estes medios no NW da Península Ibérica poden estar representados por dous tipos de hábitats de interese comunitario: 3260 Ríos de pisos basal a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion e o 3270 Ríos de ribeiras lamacentas con vexetación de Chenopodion rubri p.p. e de Bidention p.p.

Fóra xa do curso fluvial, en condicións naturais, as beiras e as zonas de inundación periódica aparecen configuradas por distintos tipos de hábitats. Os bosques de galería ou riparios, están representados polo tipo de hábitat prioritario 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno Padion, Alnion incanae, Salicion albae), o cal mostra distintas designacións en función da configuración das especies arbóreas dominantes: amieirais, freixidos, salgueirais, bidueirais, abeledos, etc., e sitúase no contacto co río. A medida que nos afastamos do curso fluvial aparecen distintas biocenoses arbóreas adaptadas a condicións de inundación e humidade edáfica, bosques aluviais de bidueiros e freixos (bidueirais e freixidos), que se integran igualmente dentro do tipo prioritario 91E0*. Nalgúns ríos aparecen pequenas áreas de bosques mixtos de carballos, olmos e freixos que corresponden ao hábitat 91F0 Bosques mixtos de Quercus robur, Ulmus laevis, Ulmus minor, Fraxinus excelsior ou Fraxinus angustifolia, das veigas dos grandes ríos (Ulmenion minoris).

Xunto aos hábitats arbóreos, o corredor fluvial pode igualmente integrar áreas con vexetación higrófila herbácea (6410 Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilo-limosos (Molinion caeruleae), 6420 Prados húmidos meditterráneos de grandes herbas do Molinion-Holoschoenion, 6430 Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chairas e dos pisos montano e alpino, así como pequenos humidais, representados por medios lacunares (3110 Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Littorelletalia uniflorae), 3120 Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo sobre solos areosos do mediterráneo occidental con  Isoetes spp, 3130 Augas estancadas, oligotróficas ou mesotróficas con vexetación de Littorelletea uniflorae e/ou IsoetoNanojuncetea, 3140 Augas oligomesotróficas calcarias con vexetación béntica de Chara spp, 3150 Lagos eutróficos naturais con vexetación  Magnopotamion ou Hydrocharition, 3160 Lagos e charcas distróficos naturais), queirogais húmidos (4020* Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas  de Erica cillaris e Erica tetralix) e turbeiras (91D0* Turbeiras boscosas, 7110* Turberas altas activas, 7140 Mires de transición, 7150 Depresións sobre substratos turbosos do  Rhynchosporion, 7210* Turbeiras calcarias con Cladium mariscus e especies do Caricion davallianae).

O contacto do corredor fluvial cos bosques climácicos realízase frecuentemente a través de carballeiras (9230 Carballeiras galaico-portuguesas de Quercus robur e Quercus pyrenaica) e doutros tipos de bosques climácicos, mentres que o contacto co medio mariño se realiza a través dos esteiros (1130 Esteiros) e das marismas asociadas a estes (1310 Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas, 1320 Pasteiros de Spartina (Spartinion maritimi), 1330 Pasteiros halófilos atlánticos (Glauco-Puccinellietalia maritimae), 1420 Matogueiras halófilas mediterráneas e termoatlánticas (Sarcocornetea fructicosae).

Como consecuencia, os corredores fluviais do NW da Península Ibérica albergan un total de 25 tipos de hábitat do Anexo I da DC 92/43/CEE, o que supón o 35% do total de tipos de hábitat do territorio, e o 11% do total de tipos de hábitat de toda a Unión Europea. Estas cifras resultan moi relevantes, sobre todo tendo en conta que estes corredores adoitan a estar distribuídos en torno á traxectoria debuxada polas canles fluviais e, polo tanto, o territorio que ocupan é proporcionalmente reducido en relación a outros tipos de hábitats. A presenza e repartición desta elevada diversidade de hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE motivou a designación dun inxente conxunto de espazos Natura 2000 no NW da Península Ibérica, co fin de garantir o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable.

Representación esquemática dos principais tipos de hábitats de interese comunitario asociados aos corredores fluviais.

Na táboa seguinte faise unha relación dos tipos de hábitats presentes nos corredores fluviais do NW da Península Ibérica. Para cada un deles achégase un enlace á súa descrición de acordo ao Manual de Interpretación dos Tipos de Hábitat da UE, que foi traducida no “Manual de Hábitats de Galicia”, elaborado polo IBADER do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Inclúese en cada ficha os carácteres diagnósticos, as especies características, áreas de distribución e presenza, presións e ameazas, estado de conservación, outros hábitats asociados, etc.

FICHAS DE HÁBITATS
 
1130EsteirosDescarga
1310Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosasDescarga
1320Pasteiros de Spartina (Spartinion maritimi)Descarga
1330Pasteiros halófilos atlánticos (Glauco-Puccinellietalia maritimae)Descarga
1420Matogueiras halófilas mediterráneas e termoatlánticas (Sarcocornetea fructicosae)Descarga
3110Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Littorelletalia uniflorae)Descarga
3120Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo sobre solos xeralmente areosos do mediterráneo occidental con Isoetes sppDescarga
3130Augas estancadas, oligotróficas ou mesotróficas con vexetación de Littorelletea uniflorae e/ou Isoeto-NanojunceteaDescarga
3140Augas oligomesotróficas calcáreas con vexetación béntica de Chara sppDescarga
3150Lagos eutróficos naturais con vexetación Magnopotamion ou HydrocharitionDescarga
3160Lagos e charcas distróficos naturaisDescarga
3260Ríos dos pisos basal a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-BatrachionDescarga
3270Ríos de ribeiras lamacentas con vexetación de Chenopodion rubri p.p. e de Bidention p.p.Descarga
4020*Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica cillaris e Erica tetralixDescarga
6410Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilo-limosos (Molinion caeruleae)Descarga
6420Prados húmidos mediterráneos de grandes herbas do Molinion-HoloschoenionDescarga
6430Megaforbios eutrofos hidrófilos das orlas de chairas dos pisos montano e alpinoDescarga
7110*Turbeiras altas activasDescarga
7140Mires de transiciónDescarga
7150Depresións sobre substratos turbosos do RhynchosporionDescarga
7210*Turbeiras calcarias do Cladium mariscus e especies do Caricion davallianaeDescarga
91D0*Turbeiras boscosasDescarga
91E0*Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae)Descarga
91F0Bosques mixtos de Quercus robur, Ulmus laevis, Ulmus minor, Fraxinus excelsior ou Fraxinus angustifolia, das veigas dos grandes ríos (Ulmenion minoris)Descarga
9230Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaicaDescarga

Os corredores fluviais constitúen un dos principais reservorios de diversidade de especies silvestres de flora e fauna dos nosos territorios. Os ambientes fluviais, que comprenden tanto as augas correntes como os ecosistemas das ribeiras e chairas aluviais, posibilitan o establecemento de especies propias destes ambientes, que non poden ser atopadas noutros medios, o que confire aos corredores fluviais un papel estratéxico á hora de determinar a conservación das devanditas especies. No caso concreto dos tramos fluviais do NW Ibérico, estes mostran probablemente a mellor representación de bosques aluviais e de galería da Península Ibérica, destacando algúns dos bosques de ribeira que posúen máis de 60 especies características de ambientes nemorais, como mostra do importante papel que xogan como hábitat para unha rica e nutrida diversidade de especies de flora, pero tamén de fauna. Entre estas, cabe destacar un amplo conxunto de especies consideradas de interese para a conservación, motivo polo cal foron incluídas dentro dos anexos das Directivas Hábitat (92/43/CEE) e Aves (DC 2009/147/CE), así como nos catálogos nacionais e rexionais de España e Portugal.

Entre as especies de flora dos corredores fluviais, cabe destacar o exemplo de tres fentos de interese para a conservación da biodiversidade, que foron incluídos nos Anexos II e IV da DC 92/43/CEE, que son Culcita macrocarpa, Vandenboschia speciosa e Woodwardia radicans. Estas especies considéranse relictos paleotropicais que permaneceron nos territorios atlánticos do NW da Península Ibérica, o que refuerza a súa consideración como elementos de gran interese para a conservación dos valores naturais do territorio. Outros fentos relevantes son Isoetes fluitans, especie acuática indicadora de augas oligotróficas e ben osixenadas, que foi catalogado En Perigo de Extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), así como Dryopteris aemula e D. guanchica, pteridófitos presentes nas ribeiras fluviais que foron catalogados como Vulnerables en Galicia, ou Dryopteris corleyi, de Interese Especial en Asturias.

Os mofos e líquenes tamén son grupos ben representados nos corredores fluviais, con algunhas especies acuáticas de interese, así como moitas outras que viven nas árbores (epífitas) e afloramentos rochosos das ribeiras fluviais. Claro exemplo son Hamatocaulis vernicosus (incluída no Anexo II da DC 92/43/CEE), Leptogium cochleatum, que foi catalogada En Perigo de Extinción, ou as especies Vulnerables Cephalozia crassifolia, Chiloscyphus fragrans, Cryphaea lamyana, Cyclodictyon laetevirens, Fontinalis squamosa, Lepidozia cupressina, Metzgeria temperata, Pseudocyphellaria aurata, Radula holtii, Schistotega pennata, Telaranea nematodes e Ulota calvescens.

Entre as anxiospermas de interese para a conservación presentes nos corredores fluviais, cabe resaltar os narcisos (Narcissus cyclamineus, N. pseudonarcissus nobilis, N. triandrus), así como a especie acuática Luronium natans, todas elas incluídas nos Anexos II e IV da DC 92/43/CEE, e a ciperácea higrófila Rhynchospora modesti-lucennoi (catalogada como ameazada, IUCN). Entre as especies restantes, cabe destacar Callitriche palustris e Nymphoides peltata, catalogadas En Perigo de Extinción en Galicia, así como Cardamine raphanifolia gallaecica e Carex hostiana, Vulnerables en Galicia, Thelypteris palustris, Vulnerable en Asturias, e Carex vesicaria, que rexistra nas Lagoas de Bertiandos unha das dúas únicas poboacións de Portugal.

Entre as especies animais de interese que se atopan vinculadas aos corredores fluviais, os invertebrados son sen dúbida un grupo relevante. Quizais unha das ordes máis vinculadas é a dos odonatos, dado que a súa fase ninfal é acuática, mentres que o resto do seu ciclo vital se atopa fortemente ligado ás ribeiras fluviais. Nos corredores do NW da Península Ibérica se atopan Macromia splendens, Oxygastra curtisii, Gomphus graslinii e Coenagrion mercuriale, incluídas no Anexo II da DC 92/43/CEE (adicionalmente as tres primeiras inclúense tamén no Anexo IV da DC 92/43/CEE), considerándose a M. splendens como En Perigo de Extinción, mentres que O. curtisii foi catalogado como Vulnerable. Os bivalvos acuáticos tamén son relevantes no ámbito dos corredores fluviais, destacando Margaritifera margaritifera (incluída no Anexo II da DC 92/43/CEE, catalogada En Perigo de extinción), e Unio delphinus (catalogada como Vulnerable en Galicia). Entre os crustáceos dulceacuícolas destaca o cangrexo Austropotamobius pallipes, incluído no Anexo II da DC 92/43/CEE e catalogado En Perigo de Extinción en Galicia. Outras especies de invertebrados de interese comunitario (incluídas no Anexo II da DC 92/43/CEE) presentes nos corredores fluviais, e cuxa presencia e necesidade de conservación foron tomadas en consideración para designar e delimitar espazos Natura 2000, son o caracol Elona quimperiana, a babosa Geomalacus maculosus, o escaravello Lucanus cervus e a bolboreta Euphydryas aurinia.

A presenza de especies de peixes de interese para a conservación nos corredores fluviais é indicativa do valor que estes posúen para a conservación dos recursos naturais e a biodiversidade. Son especialmente destacables as especies migratorias, que indican a importancia dos corredores fluviais para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético das especies silvestres. Entre estas cabe destacar Alosa alosa, A. fallax, Petromyzon marinus e Salmo salar, todas elas incluídas no Anexo II da DC 92/43/CEE. Sen esquecer á anguía europea (Anguilla anguilla) especie migratoria catádroma, cun complexo ciclo biolóxico, considerada “en perigo crítico” na Lista Vermella da UICN. Ademais, nos tramos medios se atopan presentes outras especies como Chondrostoma arcasii, Chondrostoma duriense (incluídas no Anexo II da DC 92/43/CEE) e Gasterosteus gymnurus (catalogada Vulnerable en Galicia).

Os anfibios son especies moi ligadas aos ámbitos fluviais, debido á vinculación total ou parcial do seu ciclo vital aos medios acuáticos. Entre as especies de anfibios de interese para a conservación ligadas aos corredores fluviais, cabe destacar as incluídas no Anexo II da DC 92/43/CEE (Chioglossa lusitanica, Discoglossus galganoi), así como un vasto elenco de especies incluídas nos diferentes catálogos de especies ameazadas baixo a categoría Vulnerable (Alytes obstetricans, Hyla arborea, Lissotriton boscai, L. helveticus, Pelobates cultripes, Pelodytes punctatus, Rana iberica, R. temporaria, R. perezi, Salamandra salamandra, Triturus marmoratus).

Os réptiles tamén se atopan presentes no ámbito dos corredores fluviais, xa sexa con especies de hábitos acuáticos, ou con especies que viven nas zonas das ribeiras. Entre as primeiras é posible citar a presenza de Emys orbicularis (incluída nos anexos II e IV da DC 92/43/CEE e catalogada En Perigo de Extinción en Galicia), Mauremys leprosa (incluída nos anexos II e IV da DC 92/43/CEE) así como Natrix maura, N. natrix (incluídas no Listado Español de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial). Con respecto ás especies de réptiles que é posible atopar na ribeira, destacan aquelas incluídas nos Anexos II e IV da DC 92/43/CEE, como Iberolacerta monticola ou Lacerta schreiberi, e outras catalogadas como Lacerta vivipara (considerada Vulnerable en Galicia).

As aves son o grupo de vertebrados que conta cun maior número de taxóns de interese para a conservación nos corredores fluviais do NW da Península Ibérica. Entre as especies do Anexo I da DC 2009/147/CE (a presenza da cal determina a delimitación das ZEPA da Rede Natura 2000) rexistradas neste territorio destacan Alcedo atthis, Ciconia ciconia, Egretta alba, Falco pereginus, Himantopus himantopus, Ixobrychus minutus, Milvus migrans, Nycticorax nycticorax, Pyrrhocorax pyrrhocorax e Tringa glareola. Non obstante, tamén se atopan presentes especies incluídas nos distintos catálogos, como Emberiza schoeniclus lusitanica, Gallinago gallinago, Numenius arquata, Phalacrocorax aristotelis e Vanellus vanellus, así como especies incluídas no Listado Español de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial como Acrocephalus arundinaceus, Ardea cinerea, Cinclus cinclus, Delichon urbica, Erithacus rubecula, Falco subbuteo, Hirundo daurica, Jynx torquilla, Limosa limosa, Muscicapa striata, Otus scops, Phylloscopus collybita, Riparia riparia, Saxicola torquata ou Tringa ochropus, entre moitas outras.

Os corredores fluviais albergan igualmente unha interesante fauna de mamíferos de interese para a conservación, incluídos tanto nos anexos da DC 92/43/CEE como nos diferentes catálogos nacionais e rexionais do NW da Península Ibérica. Entre os mamíferos de hábitos acuáticos citouse a presenza de Galemys pyrenaicus e Lutra lutra (incluídas nos Anexos II e IV da DC 92/43/CEE), dos cales o primeiro foi catalogado como Vulnerable en España. Entre os mamíferos presentes na ribeira fluvial, cabe destacar o grupo dos quirópteros, que alberga varias especies de morcegos protexidos (Eptesicus serotinus, Myotis daubentonii, Nyctalus neisleri ou Rhinolophus hipposideros), así como outras especies de hábitos ribeiráns tamén catalogadas, como Felis silvestris ou Mustela erminea.

A presenza desta elevada diversidade de especies nos corredores fluviais do NW da Península Ibérica favoreceu a designación dun numeroso conxunto de espazos Natura 2000 (LIC, ZEC, ZEPA), co fin de garantir o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable.

Son numerosos os compoñentes do patrimonio cultural material vinculados aos corredores fluviais que se conservan no NW Ibérico e especialmente nas cuncas e subcuncas onde se desenvolve o LIFE FLUVIAL. Os elementos máis representativos correspóndense con antigos asentamentos humanos establecidos estratexicamente próximos aos corredores fluviais, dos que se provén de auga, pesca, madeira e forraxes. Destes antigos asentamentos xurdirán posteriormente as vilas e cidades, integrando en moitas ocasións no seu desenvolvemento urbano os propios corredores.

O uso da corrente fluvial para impulsar variados enxeños remóntase tamén a épocas antigas, xurdindo, así, distintos tipos de muíños, batáns, mazos e ferrarías. Estes dispositivos baséanse no aproveitamento da enerxía cinética da corrente de auga para a súa conversión a enerxía mecánica que permita a moenda de materiais diversos (especialmente cereais), a transformación de distintos tipos de tecidos, o moldeado de pezas de ferro, o pulido e afiado de ferramentas, o torneado de pezas de madeira, etc. En definitiva, trátase de enxeñosas instalacións tradicionais que se foron adaptando ás condicións do medio fluvial, aos coñecementos técnicos e á demanda dos mercados locais.

 

Outro elemento cultural de gran relevancia é o constituído polas pontes, as máis antigas vinculadas á chegada dos romanos, aínda que as máis frecuentes foron construídas e reconstruídas en tempos posteriores, durante a Idade Media ou a Idade Moderna, que cohabitan na actualidade con pontes de fábrica e estilo contemporáneo. Existen tamén pontes menos monumentais construídas para satisfacer as necesidades das poboacións locais, ben empregando pedra ou combinando esta con madeira. En relación coas pontes consérvanse aínda moitos topónimos co apelativo de “Portos”, que nos indican as áreas empregadas para vadear os cursos fluviais, xa fose con axuda de pequenas barcas ou cruzando con carros ou cabalarías.

As barcas fluviais, hoxe en día un elemento etnográfico, foron ata a segunda metade do século XX un medio de comunicación esencial para o tráfico de persoas e mercadorías. Nalgunhas subcuncas, como na cunca alta do río Miño, a embarcación tradicional (o batuxo) foi empregada como ferramenta sostible para a retirada de especies exóticas invasoras da canle fluvial. Isto posibilitou, por unha parte, a recuperación e promoción do patrimonio etnobiolóxico do territorio e, por outra, a posta en marcha dunha actuación de conservación do patrimonio natural na que se obviou o emprego de ferramentas mecanizadas ou de embarcacións a motor, implementando unha experiencia nada agresiva co medio acuático.

Igualmente ligadas á presenza de corredores fluviais, é posible identificar numerosas fontes que poden ser enmarcadas dentro da cultura popular. Os tipos construtivos son moi heteroxéneos, dende simples canos de auga a estruturas de maior sofisticación. As fontes adoitan estar moi vinculadas á cultura popular e ás lendas (aparicións e episodios milagrosos, poderes curativos, etc.), aínda que tamén posúen un importante valor histórico e artístico.

A abundancia de peixes xerou igualmente todo tipo de dispositivos para a súa captura. Os arpóns, frechas e redes foron xa empregados con destreza polos antigos poboadores, para posteriormente difundirse as pesqueiras. Algúns autores vincularon a aparición desta práctica coa romanización, aínda que non existen datos fidedignos para manter esta formulación, polo que poderían ser de orixe posterior, posiblemente da Idade Media, época en que quedan documentadas en distintos arquivos. As pesqueiras (ou pescos) asentábanse xeralmente sobre un resalte rochoso existente no leito fluvial, sobre o que se construían muros (guiares) en forma de “v” que concentraban a auga e os peixes cara ao seu interior, para verter por unhas pequenas bocas (bocas ou pías), nas que se armaban as redes. Este tipo de pesca afastábase de calquera criterio de sostibilidade, subministrando unha importante cantidade de peixes ao seu propietario, que xeralmente se identificaba cun nobre ou coa igrexa.

É igualmente moi relevante o patrimonio inmaterial vinculado aos cursos fluviais que se conservou nas cuncas hidrográficas do NW Ibérico. Lendas, fábulas e contos incorporan elementos comúns con outros territorios ibéricos e europeos, pero tamén elementos propios e diferenciais. Igualmente o conxunto de usos, representacións, coñecementos e técnicas relacionados cos corredores fluviais, incluíndo os instrumentos, artefactos e espazos que lles son inherentes, transmitidos de xeración en xeración, e recreados en función do ámbito fluvial, a súa interacción co medio acuático e a historia do territorio que os rodea, imprimindo un sentimento de identidade propia no que o corredor fluvial, actúa como nexo de unión e catalizador para a evocación das tradicións seculares.

Os corredores fluviais, e especialmente os ríos, foron e seguen sendo inspiración para moitos escritos e artistas. Alvaro Cunqueiro [1911,1981] referíase a Galicia como o “país dos mil ríos”, mentres que Manuel María Fernández Teixeiro [1929,2004], cantou ao Miño, o Pai dos Rios Galegos, así como aos cursos que percorren a Terra Chá lucense en distintos poemas.

Meus amadisimos peixes, ordenados

en tribos, provincias e naciós:

salmós, troitas, anguías,

escalos, sábalos, lampreas

e ainda o recente blas-blas…

Morades en casais, parroquias,

vilas e cidades que os humanos

non ollan nin descobren:

só a vós

vos falo pois quero sementar

no voso leve e delicado corazón

a flor marabillosa do amor.

Coidade dos fondos subacuáticos

e non deixedes luxar endexamais

a pureza das augas cristalinas.

Confederádevos xa coas galiñoas,

cabaliños do demo, parrulos,

arceas e lavancos:

loitade ferozmente

contra tanta polución envelenada

que vos asasina sin piedade

e destrúe a beleza dos ríos

e a perfecta fermosura do mundo.

Defendede ata a morte o voso reino:

¡fuxide das mortíferas nasas,

das invisibeis, enganosas redes,

das cordas, dos anzois, da dinamita

e habitade en paz eternamente

a marabillosa luz das ondas libres!

Manuel María Fernández Teixeiro:

O MIÑO canle de luz e de néboa.

Poema: Proclama os peixes do Miño

Os corredores fluviais non son só elementos fundamentais para a salvagarda da biodiversidade a curto e longo prazo, senón que son espazos multifuncionais capaces de proporcionar valiosos beneficios ao ser humano que afectan directa e indirectamente á nosa (calidade de) vida. De feito, o ser humano é parte integral destes sistemas. Os denominados servizos ecosistémicos asociados aos corredores fluviais son os beneficios que as persoas obtemos deles, de maneira que o seu estado e funcionamento ecolóxico e ambiental tradúcese nun grande número de bens e servizos que se adoitan clasificar como de abastecemento, de regulación e culturais.

Os ecosistemas forestais, particularmente os bosques higrófilos asociados a ribeiras fluviais e colas dos esteiros, constitúen, xunto cos ecosistemas acuáticos, o corazón dos corredores fluviais do NW Ibérico. De feito, os bosques húmidos inclúen os hábitats de maior relevancia dentro do proxecto LIFE FLUVIAL e resultan de grande importancia para a conservación da biodiversidade, que é a fonte, á súa vez, de moitos bens (madeira e leñas, recursos xenéticos, etc.); deste xeito, os cambios na biodiversidade que albergan estes bosques influirá na oferta de servizos ecosistémicos que prestan á nosa sociedade.

Os de regulación son, sen dúbida, os servizos ecosistémicos máis importantes prestados por todo este complexo fluvial. Destaca especialmente a regulación da capacidade de autodepuración do sistema ecolóxico (incluíndo a regulación da calidade do aire-auga-solo, do ciclo hidrolóxico, do cambio climático e do ciclo de nutrientes) e da regulación biolóxica (regulación de pragas), de especial importancia para a saúde humana. Ademais, proporciona outros servizos relacionados cos ciclos de vida propios destes medios (reprodución-cría-alimentación de especies, provisión de hábitat) e coa capacidade de amortecemento de inundacións e tormentas. Con respecto aos servizos de abastecemento ou provisión, na actualidade estes ecosistemas proporcionan auga en cantidade e calidade aos usos urbanos (residenciais, comerciais, industriais, públicos) e a outros como os agrogandeiros, a produción de enerxía ou o ocio (baño, pesca recreativa, etc.), así como madeiras e leñas. En canto aos servizos culturais, os ecosistemas acuáticos son obxecto dunha intensa actividade piscícola, como proba do excelente estado das súas augas e polo tanto das poboacións ictícolas que albergan; mentres que os ecosistemas forestais que conforman as ribeiras arboladas en torno aos cursos fluviais cumpren un amplo abano de funcións relacionadas co desfrute e o ocio de proximidade ao aire libre, a mellora estética e paisaxística nas inmediacións de núcleos poboados, o deporte e o turismo de natureza, a observación ornitolóxica, a educación e interpretación ambiental e do patrimonio cultural ligados historicamente a estes sistemas.

En ocasións, a sobreexplotación ou intensificación de certos servizos de provisión ou o aproveitamento insostible de certos servizos culturais asociados ao uso público do sistema fluvial provocaron unha mingua na provisión dos servizos de regulación e nos valores da biodiversidade albergada polo territorio. Por exemplo, as prácticas abusivas na extracción de madeira poden chegar a provocar graves afeccións sobre o estado de conservación dos ecosistemas arborados. A intensificación do uso das ribeiras, eliminando os hábitats naturais (bosques de ribeira, megaforbios, etc.) para establecer repoboacións forestais produtivas ou superficies de produción forraxeira, prexudica significativamente os valores naturais dos corredores fluviais. Igualmente, a eliminación dos hábitats naturais para o establecemento de instalacións e infraestruturas de lecer (baño, praias fluviais, áreas recreativas, etc.) leva consigo tamén unha afección negativa sobre a capacidade de regulación do corredor fluvial, e en consecuencia, da provisión deste tipo de servizos ecosistémicos. Por outra banda, unha actividade pesqueira excesiva ou a construción de obstáculos para fins diversos, contribúen á diminución das poboacións de diversas especies ictícolas. En definitiva, a promoción dos servizos de provisión ou culturais non pode ser realizada a costa dunha perda da multifuncionalidade destes sistemas, de prexudicar os seus servizos de regulación (claves no noso benestar, seguridade pública e saúde), nin tampouco a cambio dunha perda acelerada dos compoñentes clave da biodiversidade do territorio.

O uso ancestral dos corredores fluviais por parte do ser humano conduciu en moitos casos á redución das biocenoses arbóreas e arbustivas por formacións herbáceas destinadas ao seu aproveitamento gandeiro, configurando distintos sistemas de prados de sega (6510 Prados pobres de sega de baixa altitude (Alopecurus pratensis, Pimpinela officinalis), 6520 Prados de sega de montaña) e prados de dente húmidos (6410 Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilo-limosos (Molinion caeruleae), 6420 Prados húmidos mediterráneos de grandes herbas do Molinion-Holoschoenion). Nas últimas décadas moitos dos corredores fluviais víronse afectados pola plantación ou mesmo invasión de especies arbóreas exóticas (Populus spp. Eucalyptus spp. Pinus spp.), expandíndose tanto sobre antigas superficies de prados de sega e de dente, coma sobre áreas ocupadas por bosques húmidos e humidais.

Adicionalmente, hai que ter en conta que a alteración do equilibrio entre o caudal e o transporte de sedimentos que provocan algunhas actuacións artificiais (presas, canalizacións, azudes, derivacións de auga, pontes) tamén repercute nas características das comunidades biolóxicas asentadas no medio fluvial.

Neste sentido, dende a promulgación da Directiva Marco da Auga 2000/60/CE avanzouse no estudo das repercusións da actividade humana no estado das augas en Europa e as administracións dedicaron un grande esforzo para identificar o risco de incumprimento dos obxectivos ambientais a través da análise de presións, impactos e riscos nos cursos fluviais. A Directiva Marco da Auga ten como obxectivo alcanzar o bo estado das masas de auga tanto no seu aspecto ecolóxico como químico.

O bo estado ecolóxico depende dos elementos biolóxicos, pero tamén dos hidromorfolóxicos, fisicoquímicos e químicos de soporte aos biolóxicos.

6.1. Alteracións hidromorfolóxicas

A construción de presas e azudes pode afectar significativamente á continuidade do corredor fluvial. Por un lado, augas arriba créase un medio de augas estancadas e xeralmente profundo, que difire substancialmente das condicións biolóxicas e hidrolóxicas que definen un ecosistema de augas correntes. Por outro lado, augas abaixo modifícanse as características da lámina de auga e sobre todo do tránsito de sedimentos. Como consecuencia deste desequilibrio entre caudal líquido e sólido, o río reacciona a curto e medio prazo con reaxustes morfolóxicos, como aterramentos da canle, erosións das ribeiras, encaixamentos do leito, descalzado de pontes ou cambios na alternancia de rápidos e pozas, entre outros. Estas transformacións repercuten á súa vez na posición do nivel freático, na perigosidade das inundacións e en características da lámina de auga, como temperatura e osixenación, alteracións que repercutirán nos ecosistemas fluviais asociados e que chegan a resultar incompatibles para o desenvolvemento de moitas das especies tanto animais como vexetais características dos corredores fluviais, provocando a súa desaparición dos tramos afectados.

Esta situación percíbese de forma nítida na cunca do Miño ao comparar a biodiversidade que posúen os corredores fluviais da Cunca Alta (Terra Chá) e Baixa (Baixo Miño), fronte aos da Cunca Media, que alberga unha sucesión de grandes encoros. Así, especies como Nymphoides peltata, incluída no Catalogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de En Perigo de Extinción mostraba antes da construción dos encoros unha área de distribución continua ao longo dos distintos tramos da cunca do Miño, pero tras a construción dos encoros, desapareceu da Cunca Media, quedando as súas poboacións da Cunca Alta e Baixa inconexas. Situación semellante acontece co salmón atlántico (Salmo salar) ou a lamprea (Petromyzon marinus), que antes da construción das grandes presas do Miño, subían ata o tramo próximo á cidade de Lugo, quedando na actualidade restrinxida ao Baixo Miño. Non só as presas para aproveitamento hidroeléctrico alteran o corredor fluvial, xa que pequenas presas vinculadas con antigas pesqueiras, derivacións agrícolas e muíños poden tamén ter un efecto negativo sobre o réxime hidroecolóxico e sobre a distribución e o estado de conservación de determinadas especies. Nestes casos deben valorarse as actuacións a realizar para garantir a coexistencia dos valores culturais, biolóxicos e ecolóxicos, recuperando a función de conectividade ecolóxica ou hidrolóxica dos corredores fluviais.

Nos medios embalsados, é fundamental favorecer unha configuración adecuada, especialmente na zona de contacto entre a área cuberta polas augas e a franxa ribeirá, así como a variación temporal da propia lámina de auga, para tratar de paliar a perda de biodiversidade xerada por estes aproveitamentos hidráulicos. E no mesmo sentido resulta crucial a propia configuración das ribeiras e especialmente as áreas de contacto entre as canles temporais ou permanentes que verquen ao encoro.

A perda de naturalidade e a mingua no estado ecolóxico dos corredores fluviais relaciónanse tamén con distintas obras hidráulicas, especialmente naqueles casos en que os cursos fluviais son alterados por canalizacións que rectifican o seu trazado e modifican a súa anchura, chegando en ocasións ao soterrado de tramos mediante entubacións. Os efectos na dinámica fluvial derivados destas obras son similares aos indicados para o caso dos encoros, aínda que o seu impacto se agrava cando as fixacións da ribeira ou do leito son de formigón ou dique cementado, xa que o seu carácter impermeable reduce a posición do nivel freático, o intercambio de fluxos co acuífero aluvial así como o efecto amortecedor da ribeira ante avenidas.

Este tipo de actuacións alteran o equilibrio do corredor fluvial, obrigando ao sistema a modificar os seus procesos de erosión e sedimentación, alterando a conectividade lonxitudinal, vertical e lateral, tanto no tramo afectado directamente pola estrutura como augas arriba e abaixo desta. O poder da corrente e os calados durante as avenidas tamén se verán modificados, causando moitas veces unha intensificación dos procesos erosivos.

6.2. Alteración das características fisicoquímicas

Outro factor negativo sobre os corredores fluviais vén determinado pola calidade das augas superficiais. Aínda que nos últimos anos se realizou un importante esforzo dotando de depuración á maioría dos grandes núcleos poboacionais, o estado fisicoquímico das augas superficiais segue sendo mellorable en moitos tramos, que reciben auga insuficientemente tratada, ou sen tratamento, así como unha carga continua de contaminación difusa derivada de actividades do sector primario (zurros, fertilizantes, etc.), o que supón en moitos casos unha excesiva carga de nutrientes con consecuencias directas sobre a osixenación da auga. Tamén actividades de produción enerxética ou industriais poden afectar negativamente ao pH e temperatura da auga, así como ao osíxeno disolto. Estas presións poden chegar a afectar o estado ecolóxico da masa de auga que as sofre.

6.3. Alteración das características químicas da auga

Ademais dos verquidos de nutrientes ou térmicos, as actividades industriais, mineiras (tamén pasadas) e mesmo algunhas prácticas agrogandeiras poden alterar as características químicas da auga, por verteduras significativas de contaminantes específicos (que afectarían ao estado ecolóxico) e incrementos de substancias prioritarias e outros contaminantes por enriba das normas de calidade ambiental (que afectarían ao estado químico).

6.4. Presións por uso

A urbanización e industrialización dos terreos aluviais non só leva consigo a eliminación de hábitats naturais, senón que a impermeabilización do solo diminúe a infiltración, co consecuente aumento da cantidade e velocidade da escorrentía superficial. Estas transformacións derivan nun aumento dos picos da avenida e un acurtamento dos tempos de resposta, aumentando con iso o risco de inundación.

Adicionalmente, a transformación do tramo fluvial a unha praia recreativa representa unha actividade cada vez máis frecuente. Este proceso leva aparellada a alteración dos biótopos e a eliminación ou redución das biocenoses naturais e seminaturais. A actuación resulta dramática cando a pretendida praia fluvial se proxecta en tramos de alto valor ambiental, con presenza de especies endémicas ou protexidas nas canles ou nas ribeiras, cuxa persistencia nun estado de conservación favorable resulta incompatible coas actividades lúdicas e co mantemento da propia praia fluvial.

6.5. Especies Exóticas Invasoras

As características ecolóxicas dos corredores fluviais, tales como a dinámica fluvial das enchentes, provocan un réxime natural de perturbacións físicas que determinan que sexan tamén medios moi susceptibles de ser invadidos por especies exóticas. Por un lado, o réxime hidrolóxico natural favorece a mobilización de sedimentos permitindo a creación de depósitos dispoñibles para a colonización de plantas e, por outro, algunhas especies empregan os propios corredores como áreas de expansión, logrando deste modo invadir de forma eficiente outros territorios distintos a aqueles nos que se estableceran inicialmente.

Entre as especies invasoras presentes nos corredores fluviais do NW Ibérico pódense indicar as cultivadas nas zonas próximas ao corredor fluvial ou no seo destes (Acacia, Robinia, Pinus, Eucalyptus, Arundo, Bambusoideae, Bromus willdenowii, Lolium x boucheanum, Dactylis glomerata subsp glomerata, etc.), cuxos propágulos lograron establecerse e desenvolverse sen necesidade da acción do home, invadindo distintas áreas do corredor fluvial, ou mesmo lograron expandirse cara a outros territorios.

Un número importante de plantas exóticas invasoras provén de plantas establecidas en xardíns públicos ou privados, así como de áreas axardinadas de infraestruturas lineais (Ailanthus altissima, Arctotheca calendula, Buddleja davidii, Cortaderia selloana, Crocosmia x crocosmiiflora, Helichrysum petiolare, Lonicera japonica, Reynoutria japonica, Sporobolus indicus, Stenotaphrum secundatum, Tradescantia fluminensis, Vinca difformis, Vinca major, Yucca gloriosa, Zantedeschia aethiopica, etc.). De novo os propágulos (sementes, froitos, rizomas), xerados por estes individuos determinan a aparición de novas poboacións que provocarán a invasión dos corredores fluviais. Nalgúns casos estes propágulos iniciais correspóndense con escallos obtidos na poda dos xardíns (Calendula officinalis, Canna indica, Crocosmia x crocosmiiflora, Ipomoea acumintaa, Ipomoea purpurea, Opuntia sp., Reynoutria japonica, Salix babylonica, Yucca gloriosa, etc.) que son depositados irregularmente nos corredores fluviais ou en áreas próximas a estes, onde logran establecerse e posteriormente expandirse territorialmente.

A presenza de Alnus incana, Prunus serotina ou Celtis australis está relacionada con restauracións ambientais planificadas e/ou executadas de forma deficiente, ao utilizar como material de revexetación especies exóticas en lugar de nativas. Estas posteriormente lograron naturalizarse e ocupar novas áreas. Vinculada con este mesmo tipo de actuacións se atopa a vía de introdución do oomiceto acuático Phytophthora x alni, axente patóxeno que está a afectar aos amieirais en toda a Unión Europea, e que no NW Ibérico foi a causa da mortaldade xeneralizada do ameneiro (Alnus glutinosa), rexistrada nestes últimos 10 anos especialmente en Galicia, e máis recentemente noutras áreas do NW Ibérico.

O medio acuático dos corredores fluviais do NW Ibérico non é alleo á afección causada polas especies exóticas invasoras, cuxa presenza e dispersión está relacionada con soltas de plantas e animais criados en terrarios e acuarios domésticos, ou ben por escapes dende centros de produción, viveiros ou zoolóxicos. Representativos deste grupo atopamos dende fentos acuáticos (Azolla spp.) e plantas acuáticas empregadas en acuicultura (Elodea canadensis, Egeria densa, Eichhornia crassipes, Myriophyllum aquaticum), ata mamíferos de granxas (Neovison vison) ou centros zoolóxicos (Procyon lotor), pasando por peixes (Carassius auratus, Poecilia reticulata) e réptiles (Trachemys scripta) procedentes de acuarios e terrarios. A elas habería que engadir outras especies a presenza das cales é consecuencia de políticas anticuadas de control sanitario (Gambusia holbrooki) ou do seu uso con fins recreativos (Onchorynchus mykiss, Micropercus salmoides, Procambarus clarkii) e as súas translocacións posteriores ilegais, ademais de novas introducións ilegais no medio acuático.

As actividades de uso público favorecen en moitos casos a dispersión de propágulos de especies exóticas que son transportados se intención no calzado e a roupa, o pelo de animais de compañía e cabalarías (Bidens ssp., Conyza ssp., Sporobolus indicus, Stenotaphrum secundatum), así como de forma moi significativa en vehículos e embarcacións. En relación con estes últimos vectores, é coñecida a súa vinculación coa dispersión do mexillón cebra (Dreissena polymorpha) en distintas cuncas da Península Ibérica, sen reportarse ata a data a súa presenza no NW Ibérico. Derivada das actividades de uso público existe outra vía para favorecer a introdución e difusión das especies exóticas invasoras, que é a través da execución continua de rozas e eliminación da vexetación nas marxes de camiños e sendeiros, actuación que crea medios perturbados temporalmente que son susceptibles de ser doadamente colonizados por plantas exóticas invasoras, proceso que é favorecido coa introdución accidental dos seus propágulos a través do calzado, a roupa ou as ferramentas dos operarios.

O obxectivo xeral do LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha serie de actuacións en varias cuncas fluviais atlánticas do NW da Península Ibérica (España e Portugal), onde diversos factores de ameaza xeran a deterioración e fragmentación dos hábitats dos corredores fluviais. Estas ameazas inciden sobre a calidade e continuidade dos bosques higrófilos, hábitat principal ao que vai dirixido o proxecto, considerado de carácter prioritario (91E0* Bosques aluviais con Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior) e peza clave no mantemento da composición, estrutura e funcionalidade dos corredores fluviais. Ademais, o proxecto considera outro hábitat obxectivo: 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica, que representa a continuidade co tipo de hábitat 91E0*.

Para alcanzar este obxectivo, o proxecto formula o desenvolvemento dun modelo transnacional de xestión sostible de corredores fluviais para a mellora do seu estado de conservación, mediante a restauración da composición, estrutura e funcionalidade dos seus tipos de hábitats, a mellora da conectividade e a redución da fragmentación. Ao mesmo tempo, preténdese contribuír ao coñecemento, por parte da sociedade, dos corredores fluviais e os problemas que lles afectan, levando esta información ante a opinión pública, as poboacións ribeirás, os distintos axentes sociais e os xestores do territorio.

Os principais aspectos que recolle esta estratexia son os seguintes:

  • Control de flora exótica e invasora
  • Mellora do estado fitosanitario dos corredores fluviais, mediante a retirada parcial de árbores infectadas por
  • Difusión e sensibilización dos valores naturais, beneficios socioeconómicos e servizos ecosistémicos prestados polos corredores fluviais
  • Mellora da formación e capacitación técnica dos axentes implicados na xestión e conservación dos corredores fluviais

A partir de aquí, o proxecto estrutúrase nos seguintes tipos de accións:

  1. Accións preparatorias. Avaliación previa dos enclaves de actuación, indicadores comúns para o seguimento, planificación técnica das accións, proxecto de expropiación.
  2. Adquisición de terreos. Adquisición, mediante expropiación, de terreos lindantes coa ribeira fluvioestuarina no municipio de Ribadeo (Galicia), co fin de naturalizar os devanditos terreos mediante a eliminación de plantacións de eucalipto e a restauración dos hábitats naturais.
  3. Accións de conservación. Defínense 8 accións de conservación en 9 espazos Natura 2000 de España e Portugal distribuídos polos tramos altos, medios e baixos de cinco cuncas fluviais, para a mellora do estado de conservación dos hábitats de corredores fluviais, principalmente do tipo 91E0*. As tarefas incluídas nestas accións son: control de especies invasoras, eliminación de ameneiros mortos, restauración de cuberta vexetal natural.
  4. Accións de monitorización. Accións de seguimento para medir o impacto do proxecto sobre os hábitats obxectivo, para avaliar o impacto socioeconómico do proxecto, para valorar o impacto do proxecto sobre as funcións ecosistémicas, así como para analizar o progreso do proxecto.
  5. Sensibilización pública e difusión dos resultados. Estas accións inclúen un Plan de Comunicación; deseño, elaboración e instalación de materiais e equipamentos informativos, didácticos e de sensibilización; deseño e implementación dun programa de sensibilización e difusión; edición dun boletín electrónico informativo; posta en marcha dunha páxina web e o establecemento de relacións con outros proxectos de temática similar.
  6. Xestión do proxecto. Acción relativa ao proceso de xestión e coordinación do proxecto.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies