A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo organiza un seminario técnico para a incorporación das aprendizaxes do proxecto LIFE Fluvial ao programa de medidas do plan hidrolóxico Galicia-costa 2021-2027

O actual Programa de Medidas é o instrumento de planificación hidrolóxica que coordina e integra as medidas que se teñen executado, se están a executar e que están programadas dentro da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa no ciclo de planificación 2021-2027. Así mesmo, recolle as previsións de execución de medidas, en anos sucesivos, consideradas necesarias para poder alcanzar os obxectivos ambientais previstos pola Directiva Marco da Auga.

A apertura do período de consulta pública da proposta de Plan Hidrolóxico e de Estudo Ambiental Estratéxico en Galicia-Costa brinda a posibilidade de tentar por en valor o desenvolvemento de proxectos de temática medioambiental, como os promovidos polo Programa LIFE, na contribución á aprendizaxe de técnicas e metodoloxías que axuden na consecución dos obxectivos buscados.

Baixo esta óptica, a Reserva de Biosfera, coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), celebrou o 14 de xullo de 2021 un seminario online titulado “Aprendizaxes do proxecto LIFE Fluvial para a súa posible incorporación ao Programa de Medidas do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027”, enmarcado dentro das accións do proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771), do que ámbalas dúas entidades forman parte.

A presentación da xornada correu a cargo de Miguel Fernández, técnico da Reserva de Biosfera, que destacou a importancia das últimas tendencias reflectidas tanto na Lei de Augas de Galicia como na Lei de Cambio Climático e Transición Ecolóxica, nas que cada vez teñen maior protagonismo conceptos como medio ambiente e biodiversidade.

Como relatores, contouse, en primeiro lugar, con Sonia Botana, do Servizo de Planificación e Programación Hidrolóxica de Augas de Galicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), que realizaou un percorrido polo actual Programa de Medidas do PHGC 2021-2027. A continuación Javier Ferreiro, do IBADER, destacou os traballos levados a cabo no proxecto LIFE Fluvial como elementos enriquecedores e con potencialidade de aprendizaxe para a súa posible incorporación ao citado Programa de Medidas. Por último, dende a Confederación Hidrográfica do Douro, da man de Carlos Marcos, se tivo ocasión de coñecer as experiencias adquiridas polo proxecto LIFE IP-RBMP Duero no seu Plan Hidrolóxico.

O seminario contou con 34 persoas inscritas con vinculacións profesionais ao Medio Ambiente, dende Universidades, Administracións locais e autonómicas, empresas públicas e privadas, Centros de formación ou Entidades Medioambientais.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies