O 7 de outubro de 2022, levouse a cabo unha xornada de voluntariado organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, na que se contou coa colaboración da área de Servizos Sociais do Concello de Abegondo e da Brigada de traballo adscrita á mesma.
Os traballos desenvolvidos tiveron lugar nas inmediacións da presa de Cecebre, dentro da Zona de Especial Protección Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004) da Rede Natura 2000, e consistiron na recollida e retirada da planta exótica invasora Robinia pseudoacacia.
Buscábase un emprazamento que permitise levar a cabo actuacións complementarias aos propios traballos efectuados dende o proxecto LIFE Fluvial.
As 8 persoas voluntarias participantes estiveron apoiadas e asesoradas en todo momento por técnicos da Reserva de Biosfera, técnicos do Concello de Abegondo e persoal especialista en eliminación de flora invasora.
Ao remate da xornada, as voluntarias e voluntarios conseguiron retirar dous bigbag de 1 m3 cada un de material vexetal da especie exótica invasora Robinia pseudoacacia, o cal foi trasladado a un xestor de residuos autorizado.