XORNADAS DE VOLUNTARIADO SOBRE RETIRADA E CONCIENCIACIÓN DE ESPECIES DE FLORA EXÓTICA INVASORA (ZEC ENCORO DE ABEGONDO-CECEBRE. A CORUÑA)

O 9 de febreiro de 2023, levouse a cabo unha xornada de voluntariado organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, na que se contou coa asistencia de persoal voluntario da empresa Corporación Hijos de Rivera, S.A.

Os traballos desenvolvidos tiveron lugar no entorno do observatorio ornitolóxico de Orto, dentro da Zona de Especial Protección Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004) da Rede Natura 2000, e consistiron na recollida e retirada de brotes da planta exótica invasora Acacia dealbata.

Buscábase un emprazamento que permitise levar a cabo actuacións complementarias e de continuidade aos propios traballos efectuados dende o proxecto LIFE Fluvial.

Os voluntarios participantes estiveron apoiados e asesorados en todo momento por persoal técnico da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e do Grupo Naturalista Hábitat.

Ao remate da xornada, as voluntarias e voluntarios conseguiron retirar un bigbag de 1 m3 de material vexetal da especie exótica invasora Acacia dealbata, actuando sobre unha superficie neta aproximada de 500 m2.

Por outra parte, o 15 de febreiro de 2023, na zona de Bribes (concello de Cambre), coas mesmas entidades implicadas que no caso anterior, desenvolveuse unha nova xornada de voluntariado para o control de flora exótica na Zona de Especial Conservación.

Nesta segunda ocasión, os traballos estiveron centrados na retirada da planta exótica invasora Conyza canadensis, a cal xa fora obxecto de control durante o proxecto.

Á finalización da mañá, o persoal voluntario asistente logrou retirar esta planta dunha superficie neta aproximada de 3.000 m2.

Ámbalas dúas actuacións enmárcanse nas axudas a Órganos Xestores de Reservas de Biosfera da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Xunta de Galicia), con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies